E logo ti de quen vés sendo?


Este é o blog do noso proxecto: A horta de Verdi. Un proxecto que nace no curso 2022/2023 no equipo de Primeiro Ciclo de Educación Primaria do Colexio Santa María do Mar de A Coruña para dar continuidade ao aprendido polo alumnado na súa etapa de infantil, no mesmo centro, no “Huerto de Toribio”.


Detrás da Horta de Verdi estamos un grupo de mestras e un mestre que botamos a andar nesta aventura con moita ilusión pero non tantos coñecementos hortícolas. Fomos aprendendo case ao tempo que o facían as nenas e nenos. Neles tratamos de contaxiar o amor pola natureza e a implicación no seu respecto e coidado.


A horta de Verdi creouse nun espazo exterior pero ubicado dentro do edificio principal do centro. É un espazo situado diante das aulas de 1º EP e reservado para este curso como patio de recreo. No recuncho mais solleiro e protexido, diante dos ventanais das clases de 2º EP foi onde colocamos oito mesas de cultivo e algunhas xardineiras delimitando a zona dedicada á horta. Este patio interior ao que se accede directamente dende as clases de Primeiro fai da horta un espazo moi cómodo para traballar e desfrutar a diario coa rapazada. Este patio, delimitado polas aulas de primeiro nunha das suas bandas, polo ventanal das aulas de segundo noutro dos laterais e polas paredes de formigón dos pasillos de acceso a outras aulas de Primaria nas dúas paredes restantes, fai que a horta estea bastante protexida das inclemencias do tempo, do vento e a fríaxe.


O nome da horta, Verdi, fai referencia a unha personaxe presente nas historias que manexamos no ciclo en varias materias como Lingua, Mate, Lengua e Ciencias da Natureza e forma parte da proposta do método da editorial SM que utilizamos nesas áreas. Verdi é, nesas historias, unha semente que unha familia da prehistoria, A familia Mug, trouxo ao presente despois de viaxar no tempo e caer na casa dunha cativa de seis anos que lles ensinará como adaptarse ao tempo actual. Esta semente vai medrando ao longo das historietas e converténdose primeiro nun pequeno brote e mais adiante nunha prantiña. Polo que cando estábamos á procura dun nome para a horta que queríamos montar neste espazo, a idea de buscarlle unha casa axeitada a «Verdi» pareceunos unha motivación moi natural e que cadraba perfectamente coa liña argumentativa da proposta do método que estabamos a utilizar.


Este proxecto comezou a rodar grazas ao apoio e á financiación da AMPA do noso centro que fixo posible a compra das mesas de cultivo, ferramentas e primeiras sementes e plantas. Dámoslles as grazas por apoiarnos nesta e outras iniciativas.