
O venres 20 de xuño, entre as actividades festivas previstas para pechar o curso escolar, houbo un clásico no noso colexio: “A feira das ciencias”. Esta tivo lugar, como todos os anos, no pavillón preto do edificio de educación infantil. Non obstante, para atopar o posto de primeiro de primaria, foi necesario ir ao extremo oposto das instalacións. Si, o alumnado máis novo desta etapa mostrou ás súas familias o que aprendera este ano nas clases de ciencias no mesmo lugar onde se levou a cabo gran parte desa aprendizaxe: na horta de Verdi.

Arredor das 16:45, hora de apertura da feira, o patio encheuse de risas e alegría, mentres as familias se reunían para recoller cenorias, cebolas, allos, tomates, leitugas, algúns rábanos, amorodos e mandarinas ananas. Todo foi colleitado …mesmo as herbas aromáticas e as flores!

A proposta era sinxela: vide, colleitade, axudádenos a limpar e ordenar as parcelas e levade o que recollades para casa.






Sabemos que foi unha actividade diferente e sorprendente e tivemos que manchar as mans pero tamén cremos que tanto adultos como nenos desfrutaron dela.


Entre leitugas e cenorias, a rapazada e os seus familiares achegáronse aos paneis informativos onde tiñamos varias propostas de xogos e informacións relacionadas co que aprenderan este curso, especialmente a enerxía que necesitan as plantas para medrar, así como os resultados das investigacións e experimentos realizados sobre a xerminación das sementes e cales son os elementos esenciais para poder facelo, percorrendo tamén as diferentes partes dunha planta e os diferentes tipos de plantas que existen e xogos para adiviñar os nomes e propiedades das plantas e os usos que lles damos tanto mediciñais como alimentarias ou téxtiles.

O remate foi retirar a terra das mesas de cultivo para preparalas para unha boa limpeza e reparacións de carpintaría para dar a benvida a unha nova tempada de plantación en setembro.

Grazas a todos os participar e feliz verán!