Hoxe tivemos festa na horta

A Real Academia Galega acordou dedicarlles o Día das Letras Galegas 2025 a sete cantareiras: Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica), e, a través delas, á poesía popular galega que elas interpretaban. Coa elección quérese recoñecer a importancia da poesía popular oral, que acompaña a nosa sociedade desde sempre. Deste xeito, a Academia recoñece o papel das mulleres na creación e na transmisión literaria, así como o valor da lírica oral, esa que é anónima, que pertence á comunidade e que se aprende escoitando, cantando, traballando, divertíndose… en fin, vivindo nela.
Por este motivo, hoxe a horta vibrou cunha foliada sorpresa! Este regalo, que nos fixeron un grupo de alumnas acompañadas pola profe Susana e mesmo algún pai, fixo desta tarde, unha tarde divertida na que homenaxeamos a todas as cantareiras: pasadas, presentes e futuras,
Así bailamos e desfrutamos ao ritmo da música, e mesmo aprendimos a botar algún que outro aturuxo!